Houbo un tempo no que ás mulleres, se queriamos saír adiante, quedábanos ben pouco onde elixir. A saber:
- Casar, que era o desexable porque significaba ter fillos e manutención.
- Dedicarse á vida contemplativa, ou dito doutro xeito, ser monxa.
- Servir nunha casa de boa familia e quedar solteira.
Non se contemplaba a posibilidade combinada de ser solteira e ter fillos ou traballar e dedicarse a ser relixiosa ou casar sen ter fillos e traballar ó mesmo tempo.
Esto está exposto dun xeito un tanto categórico e por suposto moi xeralizado, pero máis ou menos temos aquí un esquema da nosa sociedade ata hai ben pouco.
En realidade o de hoxe non dista tanto do de aquela. Aínda hai mulleres que cren que viñeron a este mundo a ter marido, parir, limpar e servir. Tamén é certo que as hai que cren que traballar fóra non é para elas e tampouco traballan na casa, senón que pasan a tarde a folgar nas terrazas cunha manda de nenos (dela e das amigas) a berrar polo bar adiante sen molestarse sequera en mandalos calar. Outras dedican a xuventude enteira a enfeitarse para atopar ó principe azul, que case sempre é marrón ou verde ou simplemente gris. Incluso as hai que se permiten o luxo de non dar importancia ningunha a ter estudios porque están seguras de que han atopar quen as manteña.
O da vida contemplativa creo que xa non se ve moito, se exceptuamos a peculiaridade de que as congregacións están cada vez máis cheas de mulleres estranxeiras de países pobres ou en vías de de desenvolvemento (curioso).
En canto ó de servir… Daquela ese oficio era cousa de mulleres que tiñan pouca esperanza de atopar marido pola razón que fose (razón normalmente despreciativa e un pouquechiño machista, que anda que non vin eu mulleres que non valen un can con homes xeitosos). Ás veces a razón era a pouca beleza (cousa obxectivamente mensurable onde as haxa -léase con sarcasmo), ou que xa tivera un fillo de outro (un outro que normalmente casaba con outra) ou simplemente non lle saía daquel sitio casar porque os homes parecíanlle todos ou papóns ou cabróns.
Gustaríame dedicar esta entrada a estas últimas, ás mulleres que, cando se decataron de que non necesitaban a un home para nada, decidiron gaña-la vida traballando coma bestas.
O bonito de quererse e saberse valioso é que non se necesita a ninguén para sobrevivir sen caer nun abismo de soedade. O mellor é que cando un se quere a sí mesmo e se busca na escuridade chega un día no que, se quere a outro, quereráo con total sinceridade.
Só amas a alguén cando non o amas pola necesidade de querer a alguén.


Tentan coidarnos, facer que o que nos rodea sexa bonito, acolledor e agradable. Teñen con nós detalles invisibles, regalos tácitos e amor escondido (pero ben palbable se un pensa un pouquiño non co corazón, senón co sentido común).


